Friday 03 de May de 2024

O “Encontro de Saberes e Sabores” reunirá o 12 de xuño en Toxosoutos (Lousame) unha mostra de artesanía e alimentos, con demostracións en vivo


Ás 10:00 horas terá lugar un roteiro de sendeirismo de 6,4 quilómetros, apto para todas as idades e condicións físicas, que serverá para coñecer a riqueza paisaxística e natural de Toxosoutos

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a directora da Asociación Máisdetres, Carmen Freire, presentaro esta mañá o “Encontro de saberes e sabores” de Lousame, que se celebrará na contorna do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos o domingo 12 de xuño, de 11:00 a 20:00 horas. Unha iniciativa organizada conxuntamente polo Concello de Lousame, a Asociación Máisdetres e a UNED Coruña, que inclúe múltiples actividades: unha ruta de sendeirismo, unha mostra de alimentos e artesanía, demostracións ao vivo de antigos oficios, charlas formativas e actuaciones de música tradicional.

“Esperamos que todas as familias que nos visiten ese día aproveiten para coñecer as fervenzas, ver o que se fai en Lousame e disfruten dun día especial en familia”, resume Teresa Villaverde. Neste sentido, adianta que “vai haber un encontro de sabores, que é algo máis ca o mercado que celebramos o pasado mes de abril pois haberá elaboración, degustación e venda de produtos do campo e de artesanía: cestas, ebanistería, mel…”

Un punto que corrobora Carmen Freire, quen apunta que “máis que dun mercado preferimos falar de encontro de sabores e saberes de persoas desta comarca: tecedores, pailleiras, cesteiros, oleiros, produción de mel e produtos da horta…”, quen destacou o traballo que a UNED e o Concello de Lousame están a facer na Aula de Toxosoutos en canto “recuperación a nivel de persoas, de saber quen somos e que somos quen de facer cousas. Atopámonos con xente dos oficios máis diversos e que están desexando compartir os seus coñecementos con todos”.

Neste sentido, Teresa Villaverde explicou que con este encontro e cos distintos cursos que se están a impartir dende a UNED en Toxosoutos “estamos conseguindo que os nosos veciños e veciñas vexan a potencialidade do noso agro, que pode ser non só unha axuda para a economía familiar, senón incluso algo máis”.

Actividades previstas

Entre as actividades previstas para o domingo 12 de xuño figuran un roteiro de sendeirismo por San Xusto. Un roteiro “de 6,4 quilómetros, circular e pola contorna privilexiada de Toxosoutos. É moi sinxelo, polo que o pode facer todo o mundo, dende nenos ata avós”, explica o técnico de Deportes do Concello de Lousame, Germán Romero. A participación é totalmente de balde, se ben por razóns de organización é preciso anotarse no 981 825 780).

A expedición sairá ás 10:00 horas do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, a onde volverá pasadas hora e media. Os sendeiristas camiñarán cara Cabanetán, subirán á falda do monte Culou e volverán a Toxosoutos, con paradas nas dúas fervenzas e na ponte medieval, ademais de disfrutar dunha vexetación autóctona e protexida.

Ás 12:00 horas, o historiador Clodio González Pérez ofrecerá unha charla-coloquio sobre o patrimonio e a historia de Lousame. Clodio González é autor do libro “Concello de Lousame: Patrimonio arqueolóxico, histórico, artístico e arquitectónico”, editado en 2014 pola Editorial Toxosoutos, en colaboración co Concello de Lousame e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Félix Rodríguez de la Fuente

Paralelamente, o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos acollerá os días 11 e 12 de xuño o “Obradoiro de iniciación en metodoloxía Bosquescuela”, na que será a súa primeira actividade en Galicia. Este taller está organizado pola Fundación Félix Rodríguez de la Fuente, en colaboración coa Facultade de Formación do Profesorado da Universidad de Santiago de Compostela e a Asociación Maisdetres.

O obradoiro será impartido por Philip Bruchner, promotor da Iniciativa Bosquescuela, o sábado 11 de xuño (de 9:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas) e o domingo 12 de xuño (de 9:30 a 14:00 horas). O programa, eminentemente práctico, analizará as vantaxes da educación ao aire libre e como organizar un centro Bosquescuela. Durante esas 12 horas. As inscricións custan 95 euros e poden realizarse a través da web www.bosquescuela.com ou no mail info@bosquescuela.com.

Bosquescuela é unha iniciativa que ten como misión promover e difundir o modelo educativo de Educación Infantil ai Aire Libre “Bosquescuela” en España. O innovador deste modelo é que a naturaleza é o aula e todas as actividades se desenvolven no bosque, onde os nenos e nenas respiran aire fresco, corren, trepan e inventan xogos, aprenden, se relacionan e crecen ao aire libre.